
A nova feira de arte do Porto abre o xoves e facilita a visita a quen chega desde Galicia.
A ARTePorto – Feira de Arte Contemporánea, Moderna e Antigüidades abre as portas o vindeiro xoves, 24 de setembro, no Centro de Congresos da Alfândega do Porto. Entre as 28 galerías e anticuarios seleccionados para esta primeira edición está a compostelá Galería Nordés, única representante galega nunha feira que naceu coa ambición de converter o Noroeste peninsular nun espazo común para a arte e o coleccionismo.
A estrea conta co Alto Patrocinio da Presidencia da República portuguesa e é a primeira feira de mercado de arte desta escala que se celebra no Porto en preto de tres décadas. A poucos días da inauguración, a organización dá a coñecer o convidado do Espazo Coleccionista e un conxunto de acordos que fan máis sinxela a visita —pensados tamén para o público que cruza o Miño.
Espazo Coleccionista: a Casa São Roque
O Espazo Coleccionista Convidado desta primeira edición é a Casa São Roque, centro de arte contemporánea situado en Campanhã, aberto desde outubro de 2019 e cunha programación dirixida na actualidade polo comisario Daniel Baumann.
Presidida por Pedro Álvares Ribeiro, a Casa São Roque acolle a colección Peter Meeker, unha das máis importantes coleccións de arte contemporánea de Portugal, iniciada a comezos da década de 1980. Son arredor de 700 obras de só 40 artistas —unha concentración que permite seguir moi de preto o percorrido de cada un, moitas veces a través de series completas. Entre os portugueses figuran Ana Jotta, José Pedro Croft, Rui Chafes, Pedro Cabrita Reis e Rui Sanches, e os fotógrafos Jorge Molder, Paulo Nozolino e Augusto Alves da Silva; entre os estranxeiros, Pepe Espaliú, Franz West, Jean-Luc Moulène, Miroslaw Balka, Wilhelm Sasnal e Monika Sosnowska.
A colección xa se mostrou en Elvas, en Lisboa na residencia oficial do primeiro ministro e no Porto, e pode verse na actualidade na Casa de São Roque - Centro de Arte.
"Unha feira de mercado ten que amosar que a arte tamén se colecciona con criterio e con tempo. A colección Peter Meeker é exactamente iso: a mirada dun coleccionista que acompañou os mesmos artistas durante corenta anos. Non podiamos ter mellor convidado para a primeira edición", afirma José Oliveira, director da ARTePorto.
Desde Galicia, a unha hora e media
O Porto está a hora e media de Vigo e a menos de tres horas de Santiago de Compostela por estrada. Para quen chega en coche e quere pasar a noite, a ARTePorto pechou varios acordos.
- Aparcadoiro con desconto e transporte gratuíto
Os visitantes poden deixar o coche no aparcadoiro do Palácio de Cristal cun 25 % de desconto e seguir ata a Alfândega nun servizo de transporte gratuíto de ida e volta, prestado en colaboración coa Sociedade Comercial C. Santos (Mercedes-Benz) durante todo o horario da feira. Para beneficiarse do desconto, abonda con coller o tícket á entrada do aparcadoiro sen usar a Via Verde (peaxe electrónica portuguesa), recoller o vale á saída da ARTePorto e presentalo na portaría do aparcadoiro, no andar 2B.
O hotel Vincci Porto ofrece a visitantes e expositores un 15 % de desconto nas reservas para as datas da feira, co código ARTePorto2026.
Xa no Porto, do 24 ao 27 de setembro, os visitantes teñen un 20 % de desconto por viaxe, ata €2,00, nun máximo de dúas viaxes por persoa, co código ARTEPORTO.
A Alfândega conta ademais coas liñas de autobús urbano 403, 500 e 900 da STCP, con parada á porta..
Galerías participantes
Achronima – Arte, Antiguidades & Interiores · Anfora Asian Art · Daciano da Costa · Collector · D'Orey Tiles & Antiques Store · Femaluma Gallery · Fernando Costa · GAD – Galeria Ana Dâmaso · Galeria Adorna · Galeria Arte Periférica · Galeria Bessa Pereira · Galería Nordés (Santiago de Compostela) · Galeria Pedro Oliveira · Galeria Presença · Galeria Quadrado Azul · Galeria São Mamede · Galeria Trinta · Gonçalo Ferreira Marques · Helena Rodrigues Galeria · Isabel Lopes da Silva · Luís Costa Art & Antiques · Mais Silva Gallery · Porto ao Porto · Ricardo Hogan Antiguidades · Rui Freire – Fine Art · Segal Jewels · Trema – Arte Contemporánea · Underdogs Gallery
A ARTePorto – Feira de Arte Contemporánea, Moderna e Antigüidades é unha organización de Zest – Marketing e Eventos.
As entradas están en prevenda polo prezo de 8,00 €, dispoñibles en www.arteporto.pt. Nos días do evento, as entradas terán un custo de 10,00 €.
Centro de Congresos da Alfândega do Porto
Evento: ARTePorto – Feira de Arte Contemporánea, Moderna e Antigüidades
Lugar: Centro de Congresos da Alfândega do Porto
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2026
Horarios:
25 e 26 de setembro — das 14.00 ás 21.00 h
27 de setembro — das 11.00 ás 18.00 h
24 de setembro — Preview VIP, en exclusiva para convidados e xornalistas, con cóctel ás 18.00 h.